CONCURSO FOTOGRÁFICO "O VISO, TERRA DE MEIGAS"

Con este concurso preténdese que os afeccionados á fotografía amosen a través da súa cámara a imaxe actual da parroquia, enfatizando os aspectos naturais, culturais, tradicionais e sociais. As fotografías presentaranse conxuntamente cun lema en galego a sobre pechado e no mes de decembro, coincidindo coa exposición dunha selección de fotografías participantes, premiaranse as tres con maior calidade e máis significativas.

Fotos edicion 2009

 

MEMORIA VISUAL DO VISO

A Asociación Cultural Sta. María do Viso conxuntamente con Fernando Veiga está levando a cabo unha labor de recollida de fotografías antigas da parroquia do Viso. Deste xeito preténdese recuperar, conservar e por en valor a memoria visual do pobo. Deste xeito obterase información das festas, xuntanzas, o día a día, traballos, paisaxes, lugares da parroquia, etc. que permitirá ás novas xeracións coñecer o pasado do seu pobo.

Con estas fotografías realizaranse exposición periódicas a medida que se vaian obtendo fondos fotográficos.

Fotos antigas recollidas 2009

 

FESTA DA PRIMAVERA

A Asociación Cultural Santa María do Viso, en maio, mes da música, cultura e artes galegas, organiza a Festa da Primavera. Esta é unha velada musical onde se fai unha pequena mostra da diversidade musical do Concello, buscando sempre que a xente se una á festa e remate bailando e cantando cos artistas.

Este evento celebrarase o primeiro sábado de maio na parroquia do Viso, no torreiro do Monte da Gandara. Contase con actuacións musicais e xogos tradicionais.

Este actividade, enmárcase dentro do Convenio Interparroquial da Concellería de Cultura de Redondela.

DÍA DA ÁRBORE

Co Día da Árbore (a realizar en outono-inverno), rapaces e maiores realizarán diferentes coidados a unha determinada superficie do Monte Outeiro Grande. Realizaranse podas, desbroces e de seguido prepararanse buratos para realizar unha plantación. Todas estas actuacións estarán supervisadas por un enxeñeiro de Montes que explicará boas prácticas silvícolas e co medio natural a medida que se vaian realizando os traballos.

Realizarase unha plantación con diferentes especies de follosas autóctonas como carballos, castiñeiros, sobreiras, érbedos, etc. Esta levarase a cabo antes de finais de marzo por ser esta a época óptima para plantacións forestais.

 

MONOGRÁFICOS DA CULTURA TRADICIONAL

Buscando difundir aspectos diversos e non tan coñecidos da música e cultura tradicional galega, a Asociación Cultural Santa María do Viso promove a realización dunha serie de monográficos ó longo de todo o ano.

Con estes monográficos difundiranse diferentes aspectos da cultura e música tradicional como poden ser as regueifas, a construcción de palletas, aturuxo, etc , e realizaranse de forma periódica.

 

EXCURSIÓN

A Asociación Cultural Santa María do Viso considera que non hai mellor maneira de coñecer a realidade galega, a súa cultura e ideosincracia que percivindo a realidade existente.

Anualmente realizase unha excursión no verán a zonas emblemáticas de Galicia tales como pobos cun legado histórico e cultural significativo, zonas naturais relevantes (monumentos naturais, carballeiras emblemáticas, etc), monumentos, museos, etc.

 

TARDE DE XOGOS (TRADICIONAIS E POPULARES)

A finais de setembro realízase no torreiro da Gándara unha tarde de xogos tanto para rapaces e rapazas como para aqueles maiores que desexen participar.

Nesta xornada preténdese que os máis novos recuperen xogos tradicionais como os aros, tirar a corta, pescala botella e populares como o pañuelito, salar á corda, etc.

 

SERÁN DE REDONDELA

Cada ano colabórase co Concello na celebración do Serán de Redondela donde gaiteiros, pandereteiras, bombeiros, tamborileiros, cantareiras e todo amante da música tradicional está convidado a participar.

Este comeza á noitiña e conta coa presenza de numerosos artistas tradicionais da bisbarra, que fan as delicias de todos os que se achegaron ata a vila dos Viaductos.

O Serán de Redondela está organizado pola Concellería de Cultura en colaboración con Asubios de Portocedeira e a Asociación Cultural Santa María do Viso, realizándose a finais do mes de outubro.