|
A agrupación conformámola mozos e mozas, nenos e nenas, mulleres e homes que amamos a tradición: o noso canto, o noso baile e a nosa música. Durante todo o ano estudiamos a esencia da nosa terra, aprendemos pezas musicais e bailes e ó final, cando todo está ben macerado, ofrecemos toda a tradición do noso pobo a través das nosas interpretacións. Cada danza, cada cantiga, cada peza interpretada é traballo de moitos anos, máis aínda, de séculos. Os nosos devanceiros cantaron, bailaron e tocaron nas reunións cos seus veciños, nas festas do pobo e diante da lareira nas noites de frío inverno. Toda esa bagaxe permanece na nosa alma, no noso corazón, e nós desexamos arrincala do máis adentro para amosarlla á xente do pobo. Representamos a esa xente que nos quere, que nos apoia e ama a esencia da nosa terra. Esa xente que baila unha muiñeira na festa do pobo, que non se avergonza de cantar as cantigas que escoitaba da súa avoa cando adormecía no berce, que escoita con agarimo o son da pandeireta, tamboril e gaita na noite escura dos seráns. Traballamos, loitando contra as adversidades en prol do pobo. Un pobo onde nace a cultura e que debe transmitir e divulgar a nosa tradición a través do tempo. Traballamos día a día e desexamos seguir facendoo. Abrimos así as nosas portas a toda aquela xente con inquedanzas, e en xeral, a todo aquel que desexa coñecer e divulgar a tradición, esencia da nosa terra. A Asociación Cultural Santa María do Viso, que xestiona a Agrupación Folclórica, foi fundada no ano 1987 recollendo as inquedanzas dos mozos e da xente de O Viso, no Concello de Redondela, para recuperar e difundir a cultura, os bailes e a música da nosa terra. A nosa asociación está integrada por unhas 60 persoas e unha chea de pais e nais, así como diversos colaboradores que nos animan a seguir adiante. Anualmente celebramos festivais folclóricos, organizamos excursións para dar a coñecer diversos aspectos da xeografía e a cultura galega, levamos a cabo festivais, colaboramos nas festas tradicionais e eventos populares no pobo. A Agrupación Folclórica Terra Meiga consta na actualidade dun grupo de música tradicional e unha formación de pandereteiras. Todas estas formacións actúan conxunta ou individualmente en todo tipo de actos culturais, folclóricos e festas populares que requiran da súa presencia. As actuacións abarcan principalmente a toda a comarca de Redondela e ós concellos limítrofes, sendo nos últimos anos requirida a súa presencia en diversos puntos da xeografía galega (Caldas, Carballiño, Meaño, ...), así como en diversas vilas de Portugal e do resto de España (Salamanca, Fuenlabrada, ...). E a cotío asistimos a diferentes celebracións populares e seráns en Pazos De Borbén, Soutomaior, en Redondela, Pontevedra, Mondariz, Pontecaldelas e moitos sitios máis ... |