E
logo que raio é un serán??
Pois
serán é o nome que se lles dá nunha ampla zona
do interior da provincia de Pontevedra (concellos de Pazos de Borbén,
Fornelos de Montes, Mondariz, Pontecaldelas, Soutomaior...) ás
festas participativas que organiza a xente das aldeas no tempo en
que non hai verbenas por ningures, e que comezaban, claro, polo
serán, á tardiña.. Poderiamos dicir
que é un circuito de inverno, o mellor xeito
de ir de festa a tocar, cantar e bailar cando non hai máis
a onde ir. Por iso a festa fana os que van ao serán:
A
ruadiña vai boa, a ruada boa vai,
a ruadiña vai boa, a conta de quen a fai.
E
tampouco o fan de calquera xeito, existe unha organización
tradicional ben clara e definida para os seráns, sobre todo
no tocante ás pezas que leva un baile. En xeral nesta zona
comézase a tocar polos solto: primeiro a jota, e logo á
muiñeira (tamén chamada ribeirana), para pasar logo
aos agarrados, xeralmente dous, a escoller en orde e tipo entre
a danza (ou rumba, mazurca por confusión-, tras-trás...),
o pasodoble, o valse, ou o chiqui-chiqui (ou dous pasos, mazurca...).
Deste xeito os bailadores xa sabían qué bailes tocaban,
estipulándose moitas veces a obriga de botar coa mesma parella
os catro. Desgraciadamente esta orde respéctaa cada vez menos
xente sobre todo a máis moza, seguramente por descoñecemento-,
e é unha mágoa, porque son estas cousiñas as
que lle dan ese valor do antergo á festa.
Tradicionalmente ao serán íase única e exclusivamente
a tocar ou a bailar, porque digamos que estaba socialmente establecido
así, era un moi bo xeito de relación dos mozos coas
mozas, de xeito que todo aquel que ficara fóra deste ritual
era dalgún xeito desprazado socialmente:
O
que non canta nin baila, que vén facer ó serán
aprender catro mentiras, para ir contar mañán.
E aínda hoxe é o principal cometido deles. A maior
parte da xente vai aos seráns a cantar, tocar e bailar, porque
de feito para eso foron creados e ese é o seu principal cometido.
Pero non vos preocupedes se aínda non sabedes botar un solto:
os seráns son unha moi boa escola, un dos mellores sitios
onde aprender de xeito natural como botar unha jota
ou unha muiñeira, vendo a mestría de moitos dos máis
veteranos e expertos bailadores de toda a zona.
Así que animádevos, e integrádevos nunha das
festas máis ancestrais e arraigadas que aínda se conservan
no noso país: O SERÁN!!.
Texto de Guillerme Ignacio Costa 04
(Vocalista
e gaiteiro de Quempallou)